GOZA CO SABER DO POVO
Un ano máis, contra vento e marea, chega a festa da Marosa cargada
de salitre vital para salferir as nosas ialmas ávidas de festa!!!
O vindeiro 15 de Maio, o porto de Burela acollerá a 12+2 edición de “Goza co
saber do povo”. Este ano, a explanada do porto é a escollida pola organización
para realizar o festival, posto que consideran que é o lugar máis achegado á
praia posíbel. É o segundo ano que se realiza fóra do espazo natural da praia
da Marosa, de aí o de sumar dous, pero estamos seguros que no futuro a festa
poderá retornar ao seu estado orixinal.
Como vén sendo habitual ao longo destes catorce anos de historia da Festa da
Marosa, a música será o fío conductor que nos permita coñecer xente de todos
os lugares do país. E como tamén vén sendo habitual, os obxectivos deste
encontro pasan por dinamizar a vida cultural do pobo, achegando este tipo de
eventos á comarca da Mariña, e por unificar xeracións mediante o encanto da
nosa cultura.
As actividades comezan con unha ruta (a pé ou en bici) para toda a familia o
propio día 15 ás 11:00h da mañán, posto que por primeira vez faremos un
percorrido dende o porto ate a praia con un vello lobo de mar, Balbino Trelles,
que nos contará as súas engaiolantes historias sobre as penas de Burela. A
“Ruta do Quitapenas” rematará na praia ás 13:00h para escoitar a Banda de
Música de Burela e todos os artistas que se queiran sumar a interpretar na
area norteña a “Marcha da Marosa” composta por Edelmiro Fernández.
Ás 14:00h comezará a sesión vermú na carpa do muelle, a cargo da Banda
Tudutene e a Banda de Música de Burela. Festa garantida para queimar
graxas danzando antes de comer o “cocido de cuadrillas” ás 15:00h.
Catrocentas xenerosas racións para xantar entre amigos escoitando boa
música na lonxa das redes.
Á tardiña tócalle o turno aos máis pícaros, e non tanto, coa obra de teatromusical
Bicharada de Berrobambán, que terá lugar na casa de Cultura ás
18:00h.
A partir das 22:00h dará comezo o festival cos grupos Pès de Lán, Linho do
Cuco e Lamatumbá. E como todos os anos, por tradición, regaremos as nosas
gorxas coa queimada elaborada por Mon, para purificarnos para todos os
festivais do verán que están por vir. Lume!!!
